O servizo de coche compartido é unha iniciativa da Universidade de Vigo coa que se pretende reduci-lo número de vehículos que se desprazan ós distintos campus (Ourense, Vigo e Pontevedra).
Nos últimos anos, perto de 9.000 vehículos están a circular e estacionar nas estradas do campus. A inmensa maioría deles (o 75%, concretamente), teñen un só ocupante. O consumo de combustible e a saturación dos estacionamentos da universidade degradan o ambiente e dificultan a vida diaria dos estudantes.
Que varias persoas usen un mesmo coche ten indubidables vantaxes relacionadas coa redución da contaminación. Se tan só se reducise nun 10% o número de vehículos cun só ocupante que van ós campus, suprimiríanse 520 toneladas de CO2 equivalentes. Esta se cadra é razón suficiente para consideralo. Pero é que, ademais, pensastes no diñeiro que podedes aforrar? No tranquilos que estariades se non tivésedes que conducir tódolos días? E qué dicides da posibilidade de coñecer xente diferente?
Pensádeo, é ecolóxico, divertido, coherente, sustentable e activo.
Aquí tedes un formulario co que vos poderedes dar de alta no servizo. Cubre os teus datos persoais e de contacto, dinos dende onde viaxas ata o campus, os puntos polos que adoitas pasar e os teus horarios semanais. Estes son os datos fundamentais, pois permitirán saber se hai máis persoas que saian do mesmo lugar ou se atopen nalgún dos puntos intermedios dos teus traxectos ás horas nas que te desprazas.
Este censo disponse nunha base de datos listada na seguinte táboa. De aquí podedes escolle-los posibles compañeiros de viaxe e poñervos en contacto entre vós a través dos correos electrónicos que se listan. Podedes comparti-lo vehículo, alternar na condución, repartir gastos, etc. Os detalles dependen de vós!
Se facedes o favor, comunicádenos á OMA os acordos ós que cheguedes. Deste xeito poderemos medir estatisticamente a efectividade da campaña. Para calquera consulta, aclaración, modificación/corrección de datos, ou se precisades datos máis concretos dun contacto específico, escribídenos ó correo electrónico: oma2@uvigo.es
Tamén nos podedes telefonar ó 986 813883
|